lunes, 19 de septiembre de 2016

CORAIS DE AUGA FRIA NA RIA DE PONTEVEDRA( cold water corals)

             Diferentes tipos de corais recollidos polo Oeste da Illa de Ons, Bueu, Pontevedra


arriba coloración dun coral morto, debaixo coloración da mesma especie viva
(entre 60 e 100 metros de profundidade)

Ainda que para o mundo científico os corais de auga fría nas costas de Galicia son pouco ou nada coñecidos, os mariñeiros coñecen da súa existencia dende hai décadas , dende que se comezaron a empregar artes de enmalle e de arrastre. Curiosamente mesmo algunha especie ten nome popular(Murrunchos).


Murrunchos (entre 50 e 100 metros de profundidade)

Podemos encontrar corais de auga fría dentro das Rías en profundidades insospeitadas , en menos de 10 m. de profundidae atopei unha especie asociada a unha  alga que ainda que descoñezo a súa bioloxía, supoño que non será anual , é doado atopar esta alga con corais incrustados en praias do Leste de Ons no medio das arribazóns de argazos.

Lophelia sp.( entre 60 e 100 metros de profundidade)

 Entre 30 e 50 m. xa podemos atopar mais de 10 especies, algunhas delas pequenas e que aparecen incrustadas enriba de corais maiores incluso si estes xa están mortos.

corais pequenos asociados a corais grandes 


Cando se fala de destrucción de corais de augas frías sobre todo se fala de artes de arrastre, personalmente creo que teñen moitísimo mais impacto as artes de enmalle como, Miños, Betas, Rascos, Volantas etc. Os corais asócianse maiormente a zonas rochosas nas que o arrastre é menos frecuente xa que é moi doado destrozar os aparellos, pola contra o enmalle é calado frecuentemente en calquera zona rochosa , enleándose nos corais que son arrincados cando o arte se recolle, proba delo son as fotografías que se amosan nesta entrada. Ainda que teño restos de corais de hai mais de 20 anos o que me animou a facer esta entrada foi o comentario dun mariñeiro...díxome que nas zonas nas que hai anos se enganchaban multitude de corais agora xa non hai. Imaxinade que durante décadas se foron arrincando ano tras ano corais e que algúns terían centos de anos e se destruiron en segundos.

Cando xa tiña pensado facer esta entrada, vaia casualidade....., un día de pesca deste vran a unha profundidade de 35 metros na zona de Montalvo Ría de Pontevedra ,enganchamos co rezón un lieiro de tanza no que se estaban a desenrolar diferentes especies de corais.


detalles dos diferentes corais atopados no lierio de tanza da fotografía superior

Os corais de auga fría están protexidos en moitos paises da Unión Europea, para isto o mais importante é invertir en investigación para poder estudar as diferentes especies de corais, a biodiversidade que acollen, facer mapas de distribución para poder escoller as zonas prioritarias a protexer, en España a conservación da biodiversidade en xeral, está moi por debaixo de outras prioridades.

detalle de como comezan os polipos de coral a colonizar, neste caso un anaco de tanza empregado para a pesca, semella que é bo sustrato para o comezo da colonización.

Para rematar unha reflexión, na última glaciación polo Oeste de Ons onde agora hai 100 metros de profundidade daquela estaba o límite do mar, as rías non tiñan auga salgada e a erosión dos ríos foinas formando, coa retirada progresiva do xeo foi aumentando o nivel do mar, a auga iría quecendo progresivamente , agora as preguntas, nalgún período deses miles de anos os corais de auga mais quente non puderon colonizar as nosas costas? cando as profundidades eran menores e a auga estaría mais quente? son os corais de auga fría, que non están asociados a formacións volcánicas, corais relictos doutros tempos que se foron adaptando as novas condicións climáticas?






1 comentario:

  1. Bos días, Emilio.

    Ante todo, quero darche a enhoraboa pola túa páxina e o que representa en termos de defensa e divulgación da biodiversidade galega, coa que eu tamén estou comprometido (especialmente no referente ao medio submariño, xa que, coma ti, me considero, antes de nada, un apaixoado do mesmo e un afortunado recolector/descubridor das especies incribles que o habitan).

    Porén, e precisamente para aportarche un pequeno gran de area, quero facerche dúas aclaracións, referentes ao que publicas de Armatoplana celta e sobre os corais de augas frías da Ría de Pontevedra.

    Respecto de Armatoplana celta direiche que o 26 de setembro de 2016 publiquei na web de asturnatura.com unhas fotos de varios exemplares vistos por mín en 2015 na Ría de Vigo, concretamente na dársena de Bouzas. Engádoche o link á dita publicación:
    https://www.asturnatura.com/fotografia/fauna-invertebrados/armatoplana-celta-1/26500.html
    Co que non é cero que só se atopase na Ría de Arousa (coñezo o traballo de Carolina Noreña, Jacinto Pérez e Bruno Almon no que se describe esta especie e se da ese dato de localización, pero, como che dicía, a súa presenza xa non se limita á Ría de Arousa). Ademáis, teño atopado bastantes máis exemplares de dita especie en parecidas lñocalizacións dende 2015 ata agora. O digo por se queres incluir esa información na túa páxina.

    E do que dis dos corais da Ría de Pontevedra, teño que dicirche que, atendendo ás fotosa que acompanan a túa referencia, corais só son os que aparecen nas catro primeiras fotos (de arriba a abaixo), así como na foto nº 7 e na última (que é coa primeira). O resto non son corais, senon briozoos, outros animais moi distintos, máis próximos a determinados tipos de vermes que aos corais, por máis que, coma eles, presenten estruturas duras con ocos nos que habitan os zooides (no caso de briozoos non se pode falar de pólipos, como cos corais). Certo é que os zooides dos briozoos gardan certas semellanzas cos pólipos, sobre todo pola existencia dun penacho (chamado lofóforo) que lembra bastante aos tentáculos dos pólipos, pero, xa che digo: nada teñen que ver uns cos outros.

    Espero que non che incomode o meu mail, xa que o único que pretendo é, modestamente, aportarche máis información para mellorar un pouco, se queres, a túa magnífica páxina.

    ¡Ánimo, que o teu esforzo paga a pena sempre, ben cho sei!.

    Un saúdo.

    ResponderEliminar