sábado, 7 de abril de 2018

Temas varios ....

Saudos a todos
despois de meses sen compartir cousas por baixa médica e ainda en recuperación, chegou o momento de aportar algo de actualidade no coñecemento da biodiversidade de Sanxenxo e contorna . Como a situación dentro do Concello segue a ser de xestión medioambiental nefasta por medio da administración e cidadáns darei uns apuntes.


O Banco de alimentos de Sanxenxo está na Telleira da Fianteira . O tránsito de vehículos é continuo no camiño de acceso á Telleira, tamén a reparación dos baches. Apesares de estar nun espazo "protexido" o artista que manexa a máquina, semella que quer facer unha autoestrada no lugar, gañando terreo hacia a marisma cada vez que pasa coa máquina. O Concello ten que pedir permiso cada vez que fai unha reparación do camiño e Medioambiente da Xunta debería sancionar estes feitos. Dende o Concello están acostumados a facer o que lles pete dentro e fora do espazo natural.


Arrasouse parte da vexetación dunar de Montalvo. esta zona pertence ó dominio público de Costas polo que calquera actuación aquí require de permiso desta entidade. Falando con responsables do Concello comunican que non foi esta entidade a que efectuo o desbroce. Por todo isto somentes podemos pensar que posiblemente foran os comuneros de Arra os que estén detrás deste feito. estragouse a poboación mais grande do Salnés dunha orquídea, Ophrys apifera e a única poboación de Iris foetidissima do Concello de Sanxenxo.
Sinalar que os comuneiros de Arra xa foran denunciados por recheos neste lugar. Centos de vehículos aparcaron nos recheos e zona dunar, algún dos hoteleiros do lugar están metidos nesta comunidade, con isto non quero dicir que poidan ter interés en crear mais plazas de aparcamento nas proximidades dos seus hoteis.......

Ophrys apifera

Ainda que o polígono de Nantes legalmente está pechado, hai varias empresas que levan tempo traballando, unha delas é un aserradoiro de pedra. Os restos da corta de pedra están canalizados hacia os sumidoiros de augas pluviais. Estos restos van dar ó rego da Chanca que desemboca na Enseada de Dena (Ons O Grove). Ninguén se entera....

Ainda dentro do Polígono entre outras cousas podemos atopar .....

Dentro do Concello de Sanxenxo a perda de biodiversidade estase acelerando, moitas son as causas, unha delas é a proliferación de especies alóctonas, ultimamente veño atopando en varios areais unha nova especie, unha palmeira... , a teima das administracións e particulares por ter estas plantas nos xardíns, por fin son un problema medioambiental. Menos mal que apareceu o gurgullo das palmeiras para axudar un pouco.
palmeira no sistema dunar de Montalvo


Redactei unha nova para a prensa, fixen un cartel e presentei no concello de Sanxenxo unha proposta para protexer unha especie vexetal única no norte da Península Ibérica, Lupinus micranthus.
Resultados ..... o Concello saca en prensa e na súa páxina, a miña nota pero.... borrando o meu nome e engadindo o do concelleiro de Medioambiente. A día de hoxe está a zona sen sinalizar, ducias de persoas , nesta Semana Santa pisotearon as plantas. Cada ano estanse reducindo os exemplares desta planta por culpa da falta de interés das administracións en protexela. Estamos a falar dunha especie que está dentro dun lugar "protexido" Ons O Grove. Tanto Medioambiente da Xunta como o Concello de Sanxenxo teñen coñecemento desta situación dende hai tempo.

Turistas camiñando por enriba dos Lupinus micranthus a carón das excavacións da Lanzada.

Cambio de tema....recentemente puden ver varios exemplares de Armatoplana celta
un gusano plano que somentes está citado na Ría de Arousa a nivel mundial. A cita realizouse en Ribeira onde se atoparon exemplares desta especie a 14 metros de profundidade. O meu achádego aporta novos datos sobre a súa bioloxía e distribución. Atopei varios exemplares baixo rochas no intermareal da Fianteira, Sanxenxo ( Ons O Grove)

Armatoplana celta, Fianteira Sanxenxo 11-1-18

Scilla peruviana, Major Sanxenxo 15-3-18

Atopei estes exemplares de Scilla peruviana en Major en zona de trasduna, é unha planta mediterranea que se emprega en xardíns. En Galicia está citada na provincia da Coruña e na cita coméntase que poderían ser exemplares con orixe antrópico, unha especie mais para Sanxenxo......


O tema plásticos está de actualidade, e ainda que é coñecido que algunhas aves como as cegoñas, gaivotas, pardais etc. empregan restos de plásticos na construcción dos seus niños, aporto estas fotos como curiosidade xa que se trata dun niño de Sylvia atricapilla no que se aportou como material numerosos restos de cordas de plástico. Sinalar que o niño estaba a mais de 1km da casa mais próxima.
As marquesinas das paradas de bus de Sanxenxo son unha trampa mortal para ducias de aves, os cristais deberían estar tintados, rotulados ou non se deberían empregar. Hai días que se poden atopar varias aves xuntas como as das imaxes, dous Turdus merula e 1 Accipiter nisus.




No hay comentarios:

Publicar un comentario